Está xeneralizada a idea de que o debate social impono a axenda temática dos medios de comunicación, pero ata que punto podería relacionarse coas redes sociais? Cada día, os xornalistas prestan máis atención ás publicacións, mensaxes e contidos de redes para escribir. As tendencias son, en moitas das ocasións, noticias. De xeito que, se existe un exercicio por parte dos profesionais para achegarse aos intereses da cidadanía, cabería pensar que a influencia dáse nunha dirección completamente oposta ou que, dalgún modo, é recíproca.
En España, as conversacións máis recorrentes na rede establécense ao redor dos conflitos bélicos, especialmente a actualidade de Gaza, Israel e Ucraína. A temática tamén resulta habitual nas seccións internacionais ou de política das principais cabeceiras. A gran diferenza está en que, mentres en redes é o tema máis falado, na prensa é o menos consultado polos lectores. O impacto dos ataques e mortes polariza o debate nas redes como X (antes Twitter), na que imaxes desoladoras e testemuñais se viralizan ao momento. Se viralizan todas, as que son reais e as que son mentira, as que son actuais e as que teñen anos. E entre o gran volume de información que circula, difícil é diferenciar o certo.
Gráfico propio elaborado a partir do terceiro estudo de Tendencias Informativas de Prensa Ibérica
Segundo o estudo anual de tendencias informativas de Prensa Ibérica publicado en marzo, os conflitos bélicos xeraron máis de 23 millóns de mensaxes desde xullo do 2023 ata xuño de 2024, a moita distancia do segundo tema máis conversado en redes: a sanidade, saúde e benestar. Así mesmo, o alcance das guerras en redes sociais está moi lonxe do dos xornais. Más de 43 millóns de navegadores únicos observaron o contido a través das redes, fronte aos tan só tres millóns que o fixeron en prensa. A diferenza é moi acusada. Publícase máis do que se fala e fálase máis do que se le.
Debe terse en conta que os datos pertencen a un momento de máxima tensión do conflito en Gaza. Desde entón o interese foi decrecente e a conversación foise diluíndo, sen deixar de xerar un gran volume de contido.
De que máis se fala?
Segundo o estudo de tendencias informativas, os textos que reciben máis audiencia son os de deportes, cultura, seguridade cidadá e comercio, respectivamente. Pero só deportes e cultura atópanse no top 5 de temas máis conversados en X, con máis de 11 mil mensaxes relacionadas. Esta afirmación é moi sinxela de comprobar se accedemos aos tema de tendencia de X ou mesmo de Google. O pasado mércores 2 de abril ás 16.00 horas, por exemplo, eran tendencia os seguintes temas: Mario Kart, #NintendoSwitch2, Revilla, Val Kilmer, Autismo, Día Mundial de Concienciación, #Ruscar2A, #Olmo, #Laporta y #Somosinfinitos. Das dez principais tendencias, dúas correspóndense con deportes e tres co mundo cultural, ese caixón de xastre no que tamén se engloban videoxogos e TV, aínda que cada día gañen autonomía e interese.
Acceder á actualidade en redes e consultala horas despois é máis fácil con ferramentas como Trends24.in ou GoogleTrends, dúas fontes de datos de moita axuda á hora de elaborar contidos do momento, en tendencia e de relevancia para a sociedade na rede, que son utilizados por profesionais da comunicación como xornalistas ou publicistas.