Comeza un novo ano e, con el, nos departamentos de comunicación volven escoitarse as mesmas preguntas: como seguir sendo relevantes?, como destacar nunha contorna cada vez máis saturada? ou como conectar de verdade coas persoas?

A comunicación e o márketing están a cambiar a gran velocidade. A maneira na que os usuarios buscan información, confían nas marcas e toman decisións xa non responde aos mesmos códigos de hai só uns anos. En 2026, non gaña quen máis publica, senón quen mellor entende e conecta coa súa audiencia.

Neste artigo repasamos as principais tendencias en comunicación corporativa e márketing para 2026 e como as empresas poden adaptarse para seguir sendo visibles, cribles e próximas.

TENDENCIAS EN COMUNICACIÓN CORPORATIVA PARA 2026

DE APARECER EN GOOGLE A SER VISIBLES NA INTELIXENCIA ARTIFICIAL

Durante anos, o gran obxectivo foi posicionarse en Google. Hoxe, os hábitos de busca cambiaron. Cada vez máis persoas recorren a ferramentas de intelixencia artificial para informarse, comparar opcións ou tomar decisións.

Neste novo escenario, xa non abonda con “estar”: as marcas deben ser relevantes, fiables e recoñecibles para estes sistemas. O contido experto, ben estruturado e con fontes claras gaña peso fronte á sobreprodución de mensaxes.

A comunicación corporativa entra así nunha nova etapa, na que a credibilidade e a coherencia pesan máis ca o volume de publicacións.

MARCAS CON ROSTRO: CANDO A HUMANIZACIÓN SE CONVERTE EN ESTRATEXIA

As persoas confían en persoas. Esta realidade está a redefinir a maneira na que as empresas se comunican.

Fundadores, portavoces e persoas empregadas pasan a ocupar un papel central como canles directas de conexión coa audiencia. Os seus perfís persoais xeran proximidade, credibilidade e conversas máis naturais ca as mensaxes estritamente corporativas.

Para moitas marcas, especialmente as nacidas na era dixital, o reto é evidente: evolucionar cara a modelos de comunicación máis humanos e descentralizados ou correr o risco de diluírense en muros saturados de contido impersoal.

A clave está en fomentar a creación de contidos desde dentro, cunha estratexia clara que aliñe as voces individuais coa identidade da marca.

DO STORYTELLING AO STORYPROOF: DEMOSTRAR O QUE SE COMUNICA

En 2026, contar historias xa non é suficiente. As marcas precisan avalar as súas mensaxes con feitos.

As narrativas corporativas, especialmente en ámbitos como a sustentabilidade, o impacto social ou o propósito, deben apoiarse en datos, indicadores e resultados medibles. A audiencia é cada vez máis crítica e menos tolerante cos discursos baleiros.

As empresas que non poidan demostrar aquilo que comunican enfrontaranse a unha disxuntiva clara: optar polo silencio estratéxico ou asumir un elevado risco reputacional.

A transparencia e a coherencia deixan de ser valores aspiracionais para converterse en activos estratéxicos.

TENDENCIAS DE MÁRKETING PARA 2026

TEATRONOMICS: A IMPORTANCIA DOS PEQUENOS PLACERES COTIÁNS

Nun contexto marcado pola incerteza, as persoas consumidoras buscan pequenas recompensas que lles acheguen unha sensación de control e pracer no día a día. Así se reflicte no estudo de tendencias de Kantar.

A chamada treatonomics baséase en celebrar o pequeno: experiencias, produtos ou momentos que xeran benestar sen necesidade de grandes fitos. Cando os grandes obxectivos parecen afastados, os pequenos logros adquiren máis valor.

Para as marcas, a pregunta é directa: están a ofrecer algo que achegue valor emocional neses momentos cotiáns?

MÁRKETING DE INFLUENCERS: CARA UNHA ETAPA MÁIS PROFESIONAL E REGULADA

O márketing de influencers segue medrando, pero tamén o fai o nivel de esixencia. A regulación avanza e pon o foco na transparencia, no cumprimento normativo e na credibilidade das mensaxes.

As marcas deberán ser máis coidadosas á hora de seleccionar perfís, definir colaboracións e garantir que as accións cumpren tanto coa normativa como coas expectativas do público.

Neste novo contexto, a confianza convértese no verdadeiro factor diferencial.

SOCIAL COMMERCE: MERCAR SEN SAÍR DAS REDES SOCIAIS

As redes sociais xa non só inspiran ou entreteñen: tamén se consolidaron como canles de venda.

O social commerce permite ás persoas usuarias descubrir produtos, interactuar con creadores e realizar compras sen saír da plataforma. Unha experiencia máis fluída, inmediata e aliñada co consumo de contidos.

Para as marcas, isto implica repensar as súas estratexias de e-commerce e contidos de maneira integrada, entendendo as redes como unha parte activa do proceso de compra.

O 2026 non vai de facer máis ruído, senón de comunicar mellor.

As marcas que aposten pola autenticidade, respalden as súas mensaxes con feitos e constrúan relacións máis humanas coas súas audiencias serán as que consigan destacar nun contorno cada vez máis competitivo.

Porque, ao final, comunicar e facer márketing segue sendo o mesmo de sempre:
entender as persoas e falarlles como persoas.

Privacy Preference Center