Case ao tempo que Bad Gyal lanzaba “Da Me”, La Opinión de A Coruña estreaba director. Este facía o terceiro single da artista catalá en 2025. Son tan frecuentes os cambios na cúpula da prensa? Quen manda nas cabeceiras galegas? Desde cando? O que segue é o retrato dunha profesión masculinizada, para veteranos e de non moi alta rotación: o perfil tipo é o dun home con 58 veráns ás costas e 8,5 anos no cargo.
A prensa en Galicia está dirixida por once rostros de todos os perfís. Nalgúns casos, a renovación está á orde do día. Catro das cabeceiras impresas cambiaron a súa dirección no último lustro. Adáptanse ás demandas dixitais e aparecen tamén novos cargos como os directores ou responsables de contido dixital.
Daniel Domínguez (A Coruña, 1979), ademais de ser o máis novo, foi o último en asumir o posto de director, neste caso, en La Opinión de A Coruña. Facíao o 19 de xuño, cando se abriu no diario unha etapa de desenvolvemento co fin de “consolidar e profundar a renovación dixital”, recolle o propio xornal.
A única muller á fronte de prensa de papel en Galicia é Cristina Rodríguez Calvo (Narón, 1970). Dirixe Diario de Ferrol desde 2024, redacción que coñece ben, pois forma parte dela desde o inicio do xornal. “Nós sempre fomos unha persoal maioritariamente de mulleres e ou cargo directivo sempre foron homes”, explica a xornalista a este blog. Considera que a situación se está revertendo e, ademais, de forma circunstancial: “Quero pensar que non foi por ser muller que se me escolleu, senón pola miña traxectoria no periódico”.
Neste sentido, o valor dun director para Rodríguez Calvo é coñecer ao persoal e á contorna, unha vantaxe que non teñen aqueles que chegan novos e empezan de cero nunha redacción.
Precisamente, Rubén Ventureira Novo (A Coruña, 1971), director editorial de La Capital –á que pertence Diario de Ferrol—, conta cunha traxectoria ligada á prensa herculina. Entre os medios locais, traballou no Ideal Gallego, que desde maio de 2024 dirixe xunto a Diario de Bergantiños.
Tamén entre os máis recentes, Xaime Leiro (Folgoso-Cercedo, 1961) púxose á fronte de El Correo Gallego en maio de 2023, tres meses despois de que se consumase a incorporación do xornal ao grupo editorial Prensa Ibérica.
A experiencia da prensa galega
Aos seus 68 anos, Xosé Luis Conde Vilela (Muxía, 1957) é o veterano dos directores de prensa en activo, así como unha das figuras máis consolidadas do mapa xornalístico galego. Como director de La Voz de Galicia desde 2006, representa a estabilidade entre a tradición xornalística e a transformación dixital. Xosé Pastoriza Martínez (Bueu, 1969) pasou a dirixir La Región dous anos despois. Home da casa, coñece ben o medio ourensán. Do mesmo grupo e desde o mesmo ano, a dirección de Atlántico Diario está en mans de Julio Rodríguez González (Quintela de Leirado, 1961), cunha forte aposta local e comarcal.
O cargo de director de Diario de Arousa, da editorial La Capital, está en mans de José Pereira Alcántara (Madrid-Marín, 1969). O xornalista exerce o posto desde maio de 2010, pero, do mesmo xeito que a directora de Diario de Ferrol, forma parte da publicación desde a súa fundación no 2001.
O segundo periódico máis lido de Galicia, Faro de Vigo, está dirixido por Rogelio Garrido García (Vigo, 1968) desde setembro de 2019. Cunha traxectoria dentro do grupo Prensa Ibérica, asumiu o cargo co reto de reforzar a dixitalización e consolidar a posición histórica do decano da prensa galega, que acumula 17 cargos directivos na súa historia.
No mesmo ano tomou a dirección de El Progreso Alfonso Álvarez Riveiro (Baleira-Lugo, 1964), que xa fora subdirector entre o 2000 e o 2006. O posto de director da outra publicación do grupo editorial, Diario de Pontevedra, rexéntao Miguel Ángel Rodríguez González (Vigo, 1967) desde marzo de 2016. Un perfil que conta con experiencia tanto en medios como en comunicación institucional.
Que pode motivar un cambio de dirección?
As direccións en prensa, explica Rodríguez Calvo, poden variar en función de distintos factores, que, ao mesmo tempo, mudan segundo a cabeceira. Entre eles están os resultados económicos, o traballo, a relación co persoal e o tempo de execución. Con todo, si existe un director que permanece un maior tempo no posto: aquel que funda o xornal e asenta as bases.











