Ver un vídeo durante demasiado tempo ou darlle like sen querer a unha publicación pode ser suficiente para que, pouco despois, recibas recomendacións de contidos semellantes. Ves ese post sobre Trump, León XIV ou a teoría da conspiración do apagón e, sen darte de conta, entras nun bucle de información parecida que, lonxe de xerarche coñecemento sobre un tema, diríxete cara unha única idea, ton ou opinión.
O algoritmo, esa operación matemática que pretende anticiparse aos nosos gustos, pódese adestrar ou mesmo derrotar. Con que finalidade? Coa de tomar o control sobre os temas e enfoques que queres consumir. Iso si, sen deixar de ter en conta a posibilidade de que o usuario considere esta ferramenta como unha axuda para o día a día, capaz de coñecelo mellor que a si mesmo. Consecuentemente, todo depende de se o consumidor se sente cómodo con el ou, de ser o contrario, se é capaz de exercer a vontade necesaria para escapar do algoritmo.
As dúbidas son en grao sumo común e nada evitables. ¿Quién quiere que yo quiera lo que creo que quiero?, canta Jorge Drexler en ¡Oh, algoritmo!, canción que precisamente cuestiona as condicións que levan a un a querer ou desexar algo segundo a súa contorna.
A forma máis fácil de elixir que ver en redes sociais ou, en xeral, na internet é activar filtros como a orde cronolóxica ou silenciar palabras chave. No primeiro caso, accedes á maioría do contido, mesmo de máis. A sobreinformación podería ser un inconveniente a superar. Xusto o contrario ocorrería se silencias palabras que resulten molestas: eliminaríanse os contidos non desexados, pero correrías o risco de non acceder a outros que, polo contrario, si pretendes ver.
Unha das redes sociais que máis controversia xera en torno ao algoritmo é X. Así, varios usuarios eliminaron a súa conta e emigraron á alternativa Bluesky. Aqueles que resisten á fuga poden incorporar ao seu día a día as listas que ofrece a aplicación, unha ferramenta pouco explotada a pesar da súa utilidade. Desta forma elixes as contas que queres consultar e observas o contido en orde cronolóxica. Existe a opción de engadir listas doutros usuarios nas que depositas a túa confianza. É especialmente cómodo á hora de seguir un tema, co obxectivo de non perder información. A xornalista Carmela Ríos do País, experta en redes sociais e desinformación, utiliza esta ferramenta no seu día a día e comparte en X outras formas de cribar e acceder a contidos en redes.
As newsletters de xornais ou de blogs son unha alternativa á orde do día. Moitas son de subscrición gratuíta e, ademais, con formato de rede social. Con plataformas como Substack, Beehiiv ou Buttondown accedes a un amplo universo do que facer a túa propia selección. Ti decides a quen les, sen que o filtre un algoritmo . Así mesmo, Kill the Newsletter! pode ser de utilidade se te subscribes a varias e queres evitar unha batería de entradas novas no teu correo.
Tal como mencionabamos a Bluesky, existen outras aplicacións alternativas son Mastodon ou Pixelfed, redes sen algoritmo ou con opción de desactivalo. Tamén Feedy, X Prol ou Unhook, que buscan reducir o ruído, pero que supoñen un cambio radical da forma de consumo de contidos do usuario. Escapar do algoritmo, vencelo, non é desaparecer da internet. É recuperar a decisión. Elixir a quen seguir, que ler, e cando facelo.