Estás na sala de espera do médico, scrolleando sen parar. Pasaron dez minutos e non lembras nin un só vídeo: o teu polgar desliza, pero a túa mente non retén nada. Non é casualidade: o tempo medio de permanencia nun reel ou un tiktok apenas chega aos tres segundos.

E, con todo, algo non coincide. Por que si lembras as aventuras de Yo Soy Plex dando a volta ao mundo en vídeos de media hora? Por que se che quedaron gravados os vlogs dunha hora de Carlota Marañón e Sofía Hamela percorrendo as sete marabillas do mundo para lanzar a súa marca de moda? Ou por que o stream de cinco horas de Ibai Llanos segue sendo tema de conversación durante toda a semana, cando xa ninguén se acorda do reel que viu onte?

Durante anos vendéronnos unha idea moi sinxela: canto máis curto, mellor. Captar a atención en tres segundos ou perder ao usuario para sempre. E durante un tempo funcionou, ou polo menos parecíao. Pero despois de vivir instalados na lóxica do scroll infinito, algo está a cambiar: o contido longo volve gañar terreo, e cada vez máis marcas están a regresar a plataformas como YouTube para apostar por documentais, storytelling e formatos con máis percorrido.

Por que está a pasar isto xusto agora? E, sobre todo, como o aproveitas na túa estratexia sen volver ás eternas parrafadas de antes?

Os formatos longos e curtos compleméntanse

Cada certo tempo alguén reabre a mesma discusión: que funciona mellor, o vídeo de 15 segundos ou o de 20 minutos? É a pregunta equivocada. Non compiten entre si, cumpren traballos distintos.

O formato curto non está aí para explicar, está aí para activar. É o anzol: xera impacto inmediato, serve para testear mensaxes e mantén a túa marca presente no scroll diario da xente.

O formato longo, en cambio, constrúe relación. Non busca enganchar en tres segundos, busca que entendas algo, que resolvas unha dúbida de verdade, que confíes en quen cho está contando.

Aí está o caso de Laura Escanes. Empezou en Youtube en decembro de 2015, deixou a plataforma en 2019 e, tras seis anos fóra, volveu en xaneiro de 2025 con vlogs semanais mostrando o seu día a día. Ela mesma contou que recibe moitas mensaxes de seguidores que lle confesan algo parecido: que antes lles caía mal, pero que desde que ven os seus vídeos de Youtube déronse conta de que en realidade cáelles xenial. Ese é exactamente o efecto do formato longo: non vende unha imaxe en tres segundos, constrúe unha percepción real a base de tempo e contexto.

E aí está a clave de que moitas marcas seguen sen entender: captar a atención está ben, pero mantela vale moito máis.

O que gaña unha marca cando aposta polo contido extenso

Facer contido longo costa máis tempo, máis recursos, máis cabeza. Pero o que dá a cambio é innegable:
Convértete en referente, non noutro anuncio máis. Nun feed de contidos saturado de pílulas de tres segundos, quen se para a explicar algo con profundidade gáñase a confianza de quen o escoita. Hoxe as marcas xa non compiten como anunciantes, compiten coma se fosen medios de comunicación.
Aí está o caso de Estrella Damm: desde 2009 lanza cada verán unha peza da súa saga “Mediterráneamente”, que pasou de ser un anuncio de tres minutos a converterse en auténticas curtametraxes de dez ou doce minutos, con directores como Alejandro Amenábar e actrices como Dakota Johnson. A marca practicamente desaparece da historia —a cervexa é un personaxe secundario— e, aínda así, cada xuño, media España espera “o curto de Estrella Damm” como quen espera unha estrea de cine.
Red Bull leva o mesmo principio a outro nivel: deixou de vender bebidas enerxéticas para vender unha filosofía de vida enteira, con producións propias e fitos como o salto estratosférico de Felix Baumgartner, retransmitido en directo durante horas e seguido en Youtube por millóns de persoas. Ninguén lembra ese día como un anuncio, lémbrao como un acontecemento do que formou parte.
Google prémiao. Aos buscadores encántalles a profundidade. O contido extenso posiciona mellor en procuras informativas, atrae tráfico constante sen pagar por el e xera ligazóns doutros creadores case só.
BBVA tamén é un bo exemplo. Na súa sección de sustentabilidade publica de forma constante artigos en profundidade —monográficos, tribunas de opinión, análises sobre pegada hídrica, descarbonización ou biodiversidade— que non están pensados para viralizarse nun scroll, senón para posicionar á marca como fonte de referencia cando alguén busca información seria sobre eses temas. É contido que traballa para o banco moito despois de publicado, cada vez que alguén o atopa buscando en Google.
Capta a quen de verdade está interesado. Un vídeo ou artigo longo permíteche coar chamadas á acción, descargas ou formularios no momento xusto, e quen chega ata aí xa non é un curioso de paso: é alguén con interese real.
Retén máis tempo e mellor. Se estruturas ben o contido, con exemplos e apoios visuais, a xente queda máis tempo, e iso é xusto o que os buscadores interpretan como unha sinal de calidade.

A estratexia gañadora no 2026: mesturalo todo

Na guerra curto ou longo, os gañadores son os que non elixen bando. Xa non existe un “longo contra curto”: agora longo e curto traballan xuntos, como pezas da mesma engrenaxe.
Funciona así: creas unha peza sólida e completa como piar —un artigo a fondo, un documental, un episodio longo— e de aí sacas decenas de pezas curtas: unha cita potente, un fragmento de 20 segundos, unha infografía… Eses anacos curtos sóltanse en redes e fan de anzol, empuxando tráfico cualificado de volta cara á peza grande. Multiplicas a visibilidade sen multiplicar o esforzo.
Isto non é só unha teoría de manual de mercadotecnia, é algo que podes comprobar ti mesmo cada vez que abres TikTok: a estratexia funciona tan ben que hai contas enteiras que se fixeron virais só recortando fragmentos dun par de minutos dos directos de horas e horas de Illo Juan, O Xokas ou TheGrefg. Ambos os formatos contan con millóns de visualizacións e retroaliméntanse.

A duración do contido deixou de ser unha moda pasaxeira para converterse nunha decisión estratéxica. A pregunta xa non é “que formato funciona mellor?”, senón “que formato ten sentido segundo o meu obxectivo, a miña canle e o momento no que está a miña audiencia?”. Ao final, quen lembra a túa marca dentro dunha semana non é quen viu a túa reel de tres segundos. É quen quedou vendo o teu vídeo de media hora, coma se fose Plex dando a volta ao mundo.

Privacy Preference Center