Seguro que che pasou: comezas vendo unha serie en Netflix, pícaste tanto que acabas buscando ao protagonista en Instagram, escoitas un pódcast que explica teorías sobre o final e rematas descargando un videoxogo para decidir o teu propio desenlace. Sen darche conta, estás metido de cheo nunha narrativa transmedia.

Este concepto soa moi moderno pero en realidade Henry Jenkins xa falaba disto nos anos 90, explicando que as historias xa non podían estar encerradas nun só sitio, debían expandirse a través dos distintos medios de comunicación.

Pero hoxe en día xa non se trata só de estar en distintas plataformas, senón de dominar o multiformato, porque hai que recoñecer que a audiencia actual xa non se conforma con mirar. Se non podemos participar, tocar ou investigar, aburrímonos e pasamos a outra cousa.

Que é o multiformato e por que che afecta?

Se a narrativa transmedia é o “mapa” que percorre diferentes plataformas (cine, redes sociais, libros…), o multiformato é a “forma” que toma a historia en cada unha delas para que a experiencia sexa total. Non se trata de repetir o mesmo en todos lados, senón de adaptar o relato a como consumimos cada cousa: o impacto visual, a duración e a posibilidade de interacción.  A clave é que cada formato che dea algo que o outro non pode.

En Instagram ou TikTok, vídeos curtos con maior carga estética; en Youtube ou Twitch, un pódcast ou un directo que podes poñer mentres fas outras cousas, e en X, un fío no que podes participar. Aínda que o tema sexa o mesmo, non ves a mesma escena tres veces: vives tres partes distintas que encaixan como pezas dun quebracabezas.

O exemplo máis claro disto é o universo de Harry Potter. Os libros contan a historia principal, as películas fan que sexa visual e emocional, os parques temáticos de Universal déixanche vivila fisicamente, e o videoxogo Hogwarts Legacy permíteche escribir a túa propia historia dentro dese mundo. Cada formato achega unha capa nova; ningún é prescindible.

O consumo diario e por que nos engancha   

Hoxe en día nos grandes lanzamentos, como os dunha marca de roupa ou unha película, non crean un anuncio e xa, crean un mundo. Xa sexa a través dun código QR nunha marquesiña que te leva a un filtro de Instagram, e de aí a unha comunidade en Discord, consumimos narrativas transmedia a diario. Ou, con outras palabras, historias a anacos que unen os seus puntos entre o móbil, a tele e a rúa.

Un caso recente que o ilustra moi ben é o lanzamento de Barbie (2023). Meses antes da estrea, Mattel e Warner Bros petaron internet cun xerador de pósteres que permitía a calquera converterse en personaxe da película. Aquilo non era publicidade convencional: era unha invitación para formar parte da historia. O resultado foi millóns de persoas compartindo a súa versión “Barbie” en redes, estendendo o universo da marca moito máis alá da pantalla do cine.

E engánchanos porque nos fai ser protagonistas. Xa non somos ese espectador pasivo dos anos 80 sentado no sofá. Agora, se unha historia che gusta, queres “vivila”. O multiformato permite que a historia se adapte ao teu ritmo de vida: les un pouco pola mañá, escoitas algo ao mediodía e xogas pola noite.

As marcas máis pequenas tamén poden aplicar esta lóxica sen grandes gastos. Un restaurante que publica a orixe dos seus ingredientes en Instagram, comparte a receita nun vídeo de Youtube e abre un debate en X sobre maridaxes, está a construír, á súa escala, unha narrativa transmedia. Non fai falta ser Hollywood; fai falta ter algo que contar e saber onde contalo.

En conclusión, as marcas e creadores que triunfan son os que entenden que a enerxía non se crea nin se destrúe, se transmedia.

Privacy Preference Center